A licitación de obra pública descendeu en máis do 90 por cento entre o Goberno socialista e o do PP

López Vidal reclama á Xunta que empregue a obra pública como mecanismo de creación de emprego nesta etapa de crise

Santiago de Compostela, 07 de xullo de 2009. O portavoz de Obras Públicas do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Pablo López Vidal, denunciou hoxe un descenso no nivel de licitacións da Xunta de Galicia dende os 133 millóns de euros de media mensual do goberno socialista aos 7,5 do goberno do PP nos meses de maio e xuño. López Vidal reclamou ao presidente da Xunta e ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que empreguen a obra pública como mecanismo de creación de emprego nesta etapa de crise.


Dixo que o goberno socialista licitou no ano 2008 un total de 1.598 millóns de euros, a unha media de máis de 133 millóns mensuais, con un programa de licitación que mobilizou 2.000 millóns de euros e permitiu crear máis de 40.000 postos de traballo, ademais de que o 70 por cento da licitación sería para empresas radicadas en Galicia. Fronte a estes datos, dixo, o PP licitou 15 millóns de euros nos meses de maio e xuño, e o volume de contratación corresponde a accións do goberno anterior.


O parlamentario socialista retou ao Goberno de Feijóo a que acade unha obra pública licitada semellante á do ano anterior, para o que “debería sacar a contratación de máis de 1.200 millóns de euros”. Dixo que a Xunta conta con recursos suficientes e proxectos preparados polo goberno anterior para comezar a súa actuación, pero criticou que “non hai capacidade de xestión”.


López Vidal dixo que o presidente da Xunta “nin está nin se lle espera” e o conselleiro  “vende fume” demostrando que “quédalle grande o traxe da Consellería” e que “mantéñense lonxe dos problemas da xente, con moito anuncio e ningunha acción”. Neste sentido, dixo que a Consellería ten “paralizada a obra pública” cando debería constituír un dos principais instrumentos do Executivo para a creación de emprego.


Plan Director de Estradas


O parlamentario socialista lembrou que o actual goberno conta co Plan Director de Estradas de Galicia elaborado polo anterior executivo xa publicado e listo para a súa finalización no horizonte de 2020 con 682 actuacións e un investimento de máis de 16.000 millóns de euros, dos que 8.000 corresponden á Xunta e outros 8.000 ao Ministerio de Fomento. Reclamou así que continúen con esta herdanza “aínda que lle cambien o nome”.


Sinalou que o PDE constitúe un elemento decisivo na mellora da accesibilidade, da competitividade e o reequilibrio territorial que permitirá pasar dos 27 quilómetros de autovía libres de peaxe de 2005 aos 281 no horizonte de 2020, pasando tamén de 149 a 624 quilómetros de redes de alta capacidade e garantir acceso directo á rede autonómica aos 47 concellos que aínda non o teñen.


Reclamou á Xunta que “tramiten e apliquen” este programa que constitúe un “elemento decisivo de modernización do noso país” garantindo o incremento da seguridade e compatibiliza a mellora da rede co respecto ao medio ambiente e favorece a concentración da poboación.

Fonte : http://www.psdeg-psoe.org/noticia.php?idnoticia=4653





cabeceira


Con este novo portal a agrupación pretende contar con un punto de información para os seus veciños, a demáis de servir de escaparate para difundir o noso traballo.