Información inicial sobre os orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2010

NOTA AOS ORZAMENTOS DA XUNTA DE GALICIA PARA O ANO 2010 (16 OUTUBRO 2009)

1.      SOBRE O CADRO MACROECONÓMICO

-         A Xunta de Galicia rebaixa as previsións de crecemento económico para situalas nun 0,2%, cando hai unhas poucas semanas  o propio Alberto Nuñez Feijóo (ANF) situaba as expectativas nun 0,7% e o cualificaba de crecemento razoable. Isto significa na práctica a eliminación dos efectos positivos do Xacobeo 2010, pois establece un diferencial positivo coas previsións do Ministerio de Economía do 0,5%, similar ao dos anos precedentes. Polo tanto, o efecto do Xacobeo sería nulo[1].

 

Esta previsión pesimista expresa tamén un horizonte de escasa ambición e de desconfianza sobre as medidas postas en marcha pola propia Xunta de Galicia a través deste instrumento fundamental que é o orzamento. Pois as previsións son á vez unha medida anticipada da evolución da realidade tanto como un compromiso do goberno.

-         Este pesimismo e resignación trasládase ao emprego. A taxa de paro situaríase nun 15%, porcentaxe que non se acadaba desde fins do século pasado[2]. O desemprego aumentaría a taxas máis acusadas que as do conxunto da economía española (sobre 22.000 desempregados máis), reducíndose o diferencial de taxas de paro con ela e retrocedendo ao que resultaba habitual durante os gobernos Fraga. O orzamento reflicte que destruiríase emprego.

 

2.      En relación cos ingresos

-         A evolución das transferencias correntes (que expresan a aportación da facenda do estado) é moito mellor que a dos ingresos propios da CA (capítulos 1, 2, 3). Isto reduce a cinza o discurso de ANF, de queixa permanente sobre a actuación do goberno español. Grazas á aprobación do novo modelo de financiamento autonómico, a aportación do estado ás CCAA (e tamén a Galicia) resiste mellor que os ingresos dependentes da acción da Xunta de Galicia.

-         A clave do orzamento 2010 é o recurso ao endebedamento: a débeda total sitúase en 2.000 millóns de euros e a débeda neta (descontando as amortizacións de créditos anteriores) en 1.521 millóns. Para darnos unha idea, multiplica por 2,5 a do ano 2009 (exercicio de crise). É o orzamento, desde que existe a Xunta de Galicia, que máis débeda se acumula. En tres anos, o goberno de ANF duplicará a débeda recibida, produto de case 30 anos de funcionamento da Comunidade Autónoma. Non está de máis lembrar que a débeda de hoxe son os impostor de maña. Só neste ano 2010 isto significa 560 euros por habitante (ou 2.240 euros por familia de catro persoas).

 

3.      O RECORTE DAS POLÍTICAS SOCIAIS

-         Dos datos dispoñibles até o momento dedúcese que hai un recorte sensible nas políticas sociais, contradicindo as promesas recentes do Presidente da Xunta. E invertendo a tendencia dos últimos catro anos, nos que tivo lugar un incremento substancial e sostido dos recursos destinados a estas políticas de equidade e benestar.

-         Por vez primeira desde que a Xunta de Galicia ten estas competencias[3],

·        Caen os gastos en educación (27 millóns de euros)

·        Caen os gastos en sanidade (38 millóns de euros)

·        Caen os gastos en promoción do emprego (34 millóns de euros)

Só nestas tres áreas o recorte é de 100 millóns de euros (= 16.683 millóns de pesetas)..

-         A insistencia de ANF de situar o debate nas porcentaxes amosa o seu desacougo: as porcentaxes non permiten mellorar a sanidade, son os euros destinados á mesma; as porcentaxes non permiten contratar profesores, son os euros destinados á educación,…..

 

4.      O RECORTE TAMÉN NOS INVESTIMENTOS

-         Pese a recorrer ao crédito de xeito intenso e de endebedar para o futuro moito máis a todos os cidadáns, o investimento contido no orzamento descende substancialmente en 212 millóns de euros, pasando de 1462 millóns a 1250 millóns.

-         O investimento da Xunta de Galicia é inferior, tamén como novidade absoluta, ao endebedamento neto, introducindo unha forte desconfianza sobre a sostibilidade da estratexia.

-         Como referencia: o investimento do estado en Galicia (contando tamén o Plan de Investimento Local) duplica ao da Xunta de Galicia. É o estado o que de xeito destacado  mantén unha política anticíclica poderosa, xenera emprego, inxecta recursos á actividade económica e impúlsaa modernización de Galicia.

 

5.      A FALSA AUSTERIDADE

Fronte ao discurso vacuo da austeridade simbólica, a práctica orzamentaria efectiva da Xunta de Galicia indica:

- A práctica liquidación do aforro por operacións correntes. O goberno progresista (2005-2009) foi aumentando progresivamente o aforro e situouno en 1423 millóns de euros no 2009.

A previsión para o ano 2010 é de tan só 276 millóns de euros.

- Os gastos de persoal, nun contexto en que os salarios dos empregados públicos medran tan só un 0,3%, aumentan un 2,2%.

 

6.      UNHA PRESENTACIÓN FEITA CO ÁNIMO DE CONFUNDIR

 

De novo, dous exemplos:

 

-         Presume a Xunta de Galicia de aumentar os recursos das Universidades cando nas contas baixan un 2,5%.

-         Presume a Xunta de Galicia de manter os recursos dos concellos cando nas contas baixan un  8%. =1521000000/2700000

 


[1] Aínda aceptando unha sobre estimación dun 0,3% nas previsións do Ministerio, o efecto do Xacobeo sería só de 3 décimas, moi inferior á media dos tres últimos.

[2] Todas as referencias en termos EPA.

[3] Non é posible adiantar nada aínda sobre gastos en política social pois as informacións dispoñible son contraditorias.

 

 

Descargar: Presentacion Orzamentos 2010.pdf

 





cabeceira


Con este novo portal a agrupación pretende contar con un punto de información para os seus veciños, a demáis de servir de escaparate para difundir o noso traballo.