NOTA-INFORME ORZAMENTOS 2010

 

NOTA-INFORME ORZAMENTOS 2010

1.      SOBRE O CADRO MACROECONÓMICO

-         O  Presidente da Xunta de Galicia desméntese a si mesmo, doblemente. Vai perdendo credibilidade día a día.

1)     Hai unhas semanas ANF situaba nun 0,7% as expectativas de crecemento da economía. A Xunta de Galicia agora rebaixa as previsións de crecemento económico para situalas nun 0,2%.  

2)     Pero hai un ano dicíanos que a crise era especificamente galega e tiña un nome, o do anterior Presidente. Coa mesma lóxica, agora a crise sería ANF.

-         O Xacobeo 2010 apenas terá efectos.

Esa estimación significa unha práctica eliminación dos efectos positivos do Xacobeo 2010, pois establece un diferencial positivo coas previsións do Ministerio de Economía do 0,5%, similar ao dos anos precedentes (sen Xacobeo). Polo tanto, o efecto do Xacobeo sería nulo[1].

Non debe sorprender esta consideración pesimista do Xacobeo 2010 cando non hai rastro no Orzamento 2010 de ningunha aposta polo Xacobeo. As partidas dedicadas ao TURISMO (ver clasificación funcional) non experimentan alteracións. Estamos diante dun Xacobiño..

- A Xunta de Galicia sufre un grave ataque de pesimismo, resignación e impotencia

Esta previsión pesimista expresa tamén un horizonte de escasa ambición e de desconfianza sobre as medidas postas en marcha pola propia Xunta de Galicia a través deste instrumento fundamental que é o orzamento. Pois as previsións son á vez unha medida anticipada da evolución da realidade tanto como un compromiso do goberno.

-         O emprego será o grande prexudicado

Este pesimismo e resignación trasládase ao emprego. A taxa de paro situaríase nun 15%, porcentaxe que non se acadaba desde fins do século pasado[2]. O desemprego aumentaría a taxas máis acusadas que as do conxunto da economía española (sobre 22.000 desempregados máis), reducíndose o diferencial de taxas de paro con ela e tornando á práctica habitual durante o goberno Fraga, en que o mercado de traballo en Galicia se comportaba peor que o español. Destruiríase emprego neto (sobre 10.000 empregos).

Este pesimismo e resignación trasládanse ás contas, cunha caída de aproximadamente un 10% (sobre 30 millóns de euros) nas partidas destinadas ás políticas de emprego. E unha xestión deficiente dos posibles recursos a captar, como teremos ocasión de ver no debate de orzamentos.

¿Por qué se a evolución da economía previse mellor que a da economía española e non se modificaron os datos demográficos, que determinan a evolución da poboación potencialmente activa,  o paro vaise comportar peor? Seguramente porque hai aínda máis pesimismo sobre a evolución económica que a que reflicte o cadro: quizais no PLAN MOVE está a resposta, cunha previsión de caída económica para o ano 2010 de -1,2%, tendo que agardar ao 2015 para ter un nivel de PIB igual ao do ano 2008.

 

2.      En relación cos ingresos:

-         As partidas procedentes da Administración Xeral do Estado resisten bastante ben:

1)     A evolución das transferencias correntes (que expresan a aportación da facenda do estado) é moito mellor que a dos ingresos propios da CA (capítulos 1, 2, 3), reducindo a cinza o discurso de ANF, de queixa permanente sobre a actuación do goberno español. O capítulo IV de Ingresos cae un 8,4% mentres que, por exemplo o capítulo de Impostos Indirectos cae un 21%.

2)     O novo modelo de financiamento da lugar a unha atribución suplementar de recursos para Galicia de máis de 500 millóns de euros, sen que coñecésemos ningunha actuación especial da XG nos últimos meses para modificar o modelo. ¿Ónde quedan as bravatas de ANF sobre a non sinatura do modelo de financiamento?

3)     Tamén nas transferencias non regradas, que expresan o compromiso do goberno de España con políticas específicas, o resultado, pese ao nulo esforzo de xestión da XG, é mellor que o do exercicio 2009 (363 millóns fronte a 333). Hai 60 millóns adicionais para a dependencia, chegando aos 86 millóns de euros, obrigando e sostendo a expansión do gasto en políticas de benestar; e 23 millóns para o ensino infantil; e 220 millóns para políticas de promoción do emprego.

-         O único ingreso relevante de decisión propia que aumenta é o procedente do endebedamento.

1) Un acelerado incremento da débeda total: A clave do orzamento 2010 é o recurso ao endebedamento: a débeda total sitúase en 2.040 millóns de euros e a débeda neta (descontando as amortizacións de créditos anteriores) en 1521 millóns. Para darnos unha idea, esta variable multiplica por 2,5 a do ano 2009 (exercicio de crise). O endebedamento bruto da lexislatura 2006-2009 é equivalente en valores absolutos á do ano 2010.

2) É o orzamento, desde que existe a Xunta de Galicia, que máis débeda se acumula. En tres anos, o goberno de ANF duplicará a débeda recibida, produto de case 30 anos de funcionamento da Comunidade Autónoma.

3) Non está de máis lembrar que a débeda de hoxe son os impostos de mañá. Só neste ano 2010 isto significa 560 euros por habitante (ou 2240 euros por familia de catro persoas). Se a débeda permite financiar gastos de investimento que elevan o potencial produtivo, esta estratexia sería sostible no tempo. Pero elévase substancialmente a débeda de xeito simultáneo a unha redución dos niveis absolutos de investimento ou de formación de capital.

3) Esta é unha nova mostra da doutrina Manquiña de ANF: o que na oposición era un serio problema, desde o goberno agrávase sensiblemente e véndese como o natural. Tanto te digo unha cousa como a outra.

 

3.      GASTOS:

-         Desde a perspectiva funcional (para qué é o gasto) o único gasto que aumenta realmente é o financeiro.  

As restantes funcións de gasto, con moi escasas excepcións que explicaremos, experimentan recortes máis ou menos drásticos. Da atención ao medio ambiente, ás axudas aos sectores produtivos, da mellora de infraestruturas á educación, das universidades á sanidade, da I+D+I á normalización lingüística, ANF pasoulle o cepillo a todas as políticas de progreso e modernización de Galicia.

Son orzamentos de marcha atrás. Baixan as políticas sociais e o investimento produtivo; baixa a atención ao emprendemento e a promoción activa de emprego.

-         Hai un recorte sensible nas políticas sociais básicas, contradecindo as promesas recentes do Presidente da Xunta.

1) Invirten a tendencia dos últimos catro anos, nos que tivo lugar un incremento substancial e sostido dos recursos destinados a estas políticas de equidade e benestar.

2)     Por vez primeira desde que a Xunta de Galicia ten estas competencias.

·        Caen os gastos en educación (7 millóns de euros e, se temos en conta a importante nova aportación da AXE para ensino de o a 3, en termos homoxéneos co ano pasado, 30 millóns de euros de caída)

·        Caen os gastos en sanidade (38 millóns de euros)

·        Caen os gastos en promoción do emprego (33,5 millóns de euros)

Só nestas tres áreas o recorte é de 102 millóns de euros.

3)     A insistencia de ANF de situar o debate nas porcentaxes amosa o seu desacougo: as porcentaxes non permiten mellorar a sanidade, son os euros destinados á mesma; as porcentaxes non permiten contratar profesores, son os euros destinados á educación,….. Pero ademais, as porcentaxes en educación e sanidade son, sobre o gasto total, sen artificios contables, similares ás do ano anterior. ANF de novo, perde credibilidade.

4)     É verdade que aumenta o gasto das políticas de benestar, pero só porque hai unha aportación suplementaria da AXE (por riba dos 60 millóns de euros), que compromete, pola necesidade de cofinanciamento, recursos da XG e forza esa situación. O esforzo específico da Xunta de Galicia tamén é menor nesta área

 

5)     O RECORTE NOS INVESTIMENTOS

 

NON APARECE UNHA POLÍTICA ESPECÍFICA DE ACTUACIÓN DECIDIDA CONTRA A CRISE:   

Ø      Menos recursos para a actuación no mercado de traballo (políticas activas de emprego)

Ø      Menos recursos para a dinamización empresarial e o emprendemento

Ø      Menos recursos para o turismo en pleno ano Xacobeo

Ø      Menos recurso para o investimento produtivo, en infraestruturas.

Ø      Menos recursos para impulsar a economía do coñecemento (I+D+I e Universidades)

 

- Hai un recorte neto nos investimentos de enorme magnitude e trascendencia

1) Pese a recorrer ao crédito de xeito intenso e de endebedar para o futuro moito máis a todos os cidadáns, o investimento contido no orzamento cae en 212 millóns de euros, pasando de 1462 millóns a 1250 millóns (caída do 14,2%).

2) O investimento da Xunta de Galicia é inferior, tamén como novidade absoluta, ao endebedamento neto, introducindo unha forte desconfianza sobre a sostibilidade da estratexia.

·3) Non hai proxectos novos apreciables no orzamento: a Xunta de Galicia limítase a incluír, recortados, proxectos xa en marcha, presentados como se comezasen no ano 2010. E, en todo caso, consignar cantidades ridículas para novos proxectos.

Dada a paralización no ano 2009 e as cifras de 2010, con ausencia de novos proxectos, esta lexislatura configúrase como un tempo perdido para a modernización de Galicia.

- Hai un recorte neto aínda maior nos gastos de capital non financeiros (investimentos e transferencias de capital)

De 300 millóns de euros, un 11,1% menos que no exercicio precedente. Claramente, a aposta polo futuro e o impulso modernizador redúcese, pese ao moi superior recurso ao crédito.

- Hai unha caída notable no apoio aos sectores económicos

As funcións incluídas no grupo 7 (Regulación económica de sectores produtivos e desenvolvemento empresarial) caen todas, coa excepción de Turismo que mantén os seus números[3]. As que máis caen son as de Desenvolvemento empresarial (-13%), Pesca (-11,5%), Comercio (-11%) e Industria (-9,6%).

Pero tamén caen os recursos para I+D+I nun 5,6% e para Universidades nun 3%.

-         O grande axente inversor en Galicia seguirá sendo no ano 2010 o Estado. Como referencia: o investimento do estado en Galicia (contando tamén o Plan de Investimento Local) duplica ao da Xunta de Galicia. É a AXE a que de xeito destacado  mantén unha política anticíclica poderosa, xenera emprego, inxecta recursos á actividade económica e impulsa a modernización de Galicia.

 

6)     A FALSA AUSTERIDADE

Fronte ao discurso vacuo da austeridade simbólica, a práctica orzamentaria efectiva (clasificación económica) da Xunta de Galicia indica:

- A práctica liquidación do aforro por operacións correntes. O goberno progresista (2005-2009) foi aumentando progresivamente o aforro e situouno en 1423 millóns de euros no 2009. A previsión para o ano 2010 é de tan só 276 millóns de euros, eliminándose 4 de cada 5 euros do aforro.

- Os gastos de persoal, nun contexto en que os salarios dos empregados públicos medran tan só un 0,3%, aumentan un 2,2% e pesan moito máis no orzamento, sen que isto signifique máis profesionais sanitarios ou educativos.

- Os gastos en bens correntes e servizos descenden lixeiramente (13 millóns de euros) pero teñen trampa, pois centrifugáronse para o capítulo de gastos de capital operacións que até o de agora entraban nos gastos correntes. De presentar a información de xeito homoxéneo tamén aumentan os gastos en bens correntes e servizos.

- En todo caso, a pretendida austeridade liquídase cun aumento dos capítulos 1 e 2 de gastos, de xeito agregado, de 68 millóns de euros.



[1] Ainda aceptando unha sobre estimación dun 0,3% nas previsións do Ministerio, o efecto do Xacobeo sería só de 3 décimas, moi inferior á media dos tres últimos.

[2] Todas as referencias en termos EPA.

[3] Só nos entes con orzamentos limitativos (Administración Xeral, Organismos Autónomos, Axencias)





cabeceira


Con este novo portal a agrupación pretende contar con un punto de información para os seus veciños, a demáis de servir de escaparate para difundir o noso traballo.