O Concello de Ordes ampliará o programa de compostaxe doméstica a outras 50 familias

Os participantes no proxecto piloto reduciron a materia orgánica nos seus residuos en máis dun 63% en tan só seis meses


11 de febreiro de 2009.- O Concello de Ordes ampliará o proxecto piloto de compostaxe doméstica posto en marcha hai agora un ano por 50 familias do municipio a outros ámbitos rurais e semirrurais de Ordes. Así o anunciou esta mañá o alcalde de Ordes, Manuel Regos, durante a presentación dos resultados correspondentes á experiencia piloto levada a cabo nas parroquias de Beán (19), Poulo (14) e Barbeiros (5), ademais doutras localidades tales como Merelle, Espenica, Ardemil e Fonte Estrey.

“Dados os beneficios ecolóxicos e económicos, e á vista dos resultados en canto á viabilidade e á boa acollida por parte dos veciños, estamos dispostos a facer extensivo o programa ao resto das parroquias e a que teña unha maior duración”, propón Regos Boquete. Unha proposta que foi recibida de bo grado tanto polo presidente de Sogama, José Álvarez, como pola técnica de ADEGA, María Lafuente, que se encargou do seguemento do proxecto. Por iso, o concelleiro de Medio Ambiente, Xesús Pedreira, confirmou que dende o seu departamento “imos buscar outras 50 familias que queiran participar nesta iniciativa de respecto ao medio ambiente e que poderemos acometer grazas á colaboración de Sogama e ADEGA”.

José Álvarez destacou que “o éxito desta iniciativa é o exemplo de cómo facer as cousas, colaborando entre todos: a divulgación do Concello, o traballo de organizacións ecoloxistas como ADEGA, o rigor científico da Universidade da Coruña, a modesta colaboración de Sogama e, sobre todo, dos cidadáns, que son os máximos responsables do éxito deste programa”. Un programa que Álvarez define como “unha xestión do lixo máis intelixente” no que se implicaron cerca de 250 veciños e veciñas de Ordes.

Pola súa banda, María Lafuente destacou que o compost realizado ao longo deste último ano “en breve utilizarase como fertilizante nas hortas”. Así mesmo, destacou a gran colaboración amosada polos veciños de Ordes, “que valoraron como bo ou moi bo esta experiencia, da que destacaron o seu respecto cara o medio ambiente”.

Redución dos residuos orgánicos

En canto aos datos deste proxecto piloto, destaca especialmente que a Universidade da Coruña comprobou unha redución da presenza de materia orgánica nos contenedores xenéricos, que pasou dun 58,4% ao inicio da experiencia a un 21,58% seis meses despois, é dicir, permitíu unha redución do 63%. Un dato moi significativo xa que, na composición media do lixo, a materia orgánica supón entre o 50 e o 60%, polo que esta iniciativa permitiu a reciclaxe dos restos orgánicos en orixe, diminuíndo paralelamente a cantidade de materiais depositados nos contedores xenéricos, ao tempo que mellora a calidade da recollida selectiva no seu conxunto.

De feito, a reprodución destes resultados noutras áreas con elevada densidade de composteiros permitiría corroborar o potencial da compostaxe doméstica para a prevención da xeración de residuos e a minimización dos custos de recollida e tratamento. Por iso,  Xesús Pedreira asegurou que “recollendo un pensamento que lle escoitei ao presidente de Sogama, se somos quen de reciclar, o que aforremos económicamente ao non ter que levar a tratar ese lixo o investiremos no medio ambiente”.

Escolas unitarias

A presentación dos datos sobre o proxecto de compostaxe doméstica coincidiu  coa visita de medio cento de nenos, de entre 3 e 6 anos de idade, procedentes das escolas unitarias de Beán, Parada, Santa Cruz de Montaos, Merelle e Buscás. Os rapaces, que acababan de visitar a biblioteca municipal, estiveron no salón de plenos, onde amosaron que a pesares da súa corta idade xa teñen moi interiorizado a importancia da reciclaxe.

A preguntas da concelleira de Educación, Silvia Marín, os pequenos demostraron que teñen moi claro non só a importancia de separar os refugallos, senón tamén que coñecen en que contenedor vai cada tipo de lixo. Para reforzar eses coñecementos, o Concello de Ordes e Sogama os agasallaron cunha edición especial dos populares “Os Bolechas”, de Pepe Carreiro, titulado “Os Bolechas queren saber que se bota no contedor amarelo”. Así mesmo, o Concello de Ordes agasallou a cada pequeno cun xogo de mesa e unhas lambonadas.

Desenvolvemento do proxecto


No desenvolvemento deste programa de compostaxe doméstica en Ordes repartíronse un total de 50 composteiros, adquiridos por Sogama e fabricados por unha empresa galega a partir de redes de pesca recicladas. As familias escollidas nesta primeira fase pertencías ás parroquias de Beán (19), Poulo (14) e Barbeiros (5), ademais doutras localides tales como Merelle, Espenica, Ardemil e Fonte Estrey. A Asociación Ecoloxista para a Defensa de Galicia (ADEGA), asumiu os labores de formación e seguimento. Tras as charlas informativas efectuadas no mes de marzo, técnicos desta organización realizaron entre tres e catro visitas aos fogares participantes co fin de complementar as explicacións iniciais, proceder á resolución de dúbidas e corrixir posibles erros.  

Das enquisas realizadas por Adega nas vivendas unifamiliares cabería destacar que as principais razóns que animaron á participación da veciñanza no programa foron, fundamentalmente, de carácter ambiental, engadindo a autonomía que supón a xestión da fracción orgánica no fogar, a confianza na calidade do fertilizante obtido e a estética do compostador fronte a la esterqueira. Aínda que a media de idade dos responsables do composteiro é de 52 anos, evidenciouse a implicación de persoas de todas as idades no proceso de compostaxe, considerándoo unha alternativa máis cómoda que o contedor municipal. O tempo semanal dedicado ao recipiente no que elaborar o compost oscila entre media hora e 1 hora, e aínda que a principal causa de rexeitamento prevista a priori eran os cheiros, estes non apareceron en momento ningún.

Tamén se constatou que existe conciencia de que a redución dos custos de xestión e tratamento dos residuos xenéricos e a diminución da frecuencia de recollida e transporte beneficiará á propia Administración local, e é por iso que o total dos enquisados considera que o programa debería ampliarse a outros puntos do municipio, tal e como fará o Concello de Ordes.





cabeceira


Con este novo portal a agrupación pretende contar con un punto de información para os seus veciños, a demáis de servir de escaparate para difundir o noso traballo.