Ordes organiza unha charla sobre o autismo na segunda xornada dos "Venres Saudables"

O sábado terá lugar a segunda sesión das charlas sobre nutrición nas comarcas, que se celebrará en Santa Cruz de Montaos

12 de febreiro de 2009.- A Casa da Cultura de Ordes acollerá mañá venres 13 de febreiro, ás 20:30 horas, a segunda sesión dos "Venres Saudables", unha iniciativa posta en marcha polo Concello de Ordes para achegar aos veciños e veciñas de Ordes todos aqueles temas relacionados co coidado da súa saúde. Nesta ocasión, a xornada xirará en torno ao autismo, e contará coa presenza de Cipriano Luis Giménez Casas, presidente de Autismo Galicia, unha federación de fundacións e asociacións que teñen coma obxectivo mellorar a calidade de vida de persoas con trastornos do especto autista e das súas familias.


Esta charla, denominada "Protocolo sanitario para pacientes con autismo", rematará cun coloquio no que poderán participar todos os veciños e veciñas que o desexen. E é que o obxectivo das concellerías de Sanidade e de Discapacidade, organizadoras do evento, é que todas as persoas que acudan á xornada poidan solventar ás súas dúbidas con respecto a esta enfermidade, informarse sobre as distintas axudas ás que poden acceder e conseguir consellos prácticos para mellorar a atención diaria dos seus familiares.

Charlas sobre nutrición

Así mesmo, este sábado terá lugar a segunda sesión das charlas sobre nutrición, alimentación e aspectos saudables que o Concello de Ordes está a levar polas parroquias. Unha iniciativa que se estrenou con éxito o pasado sábado en Beán, onde reuniu a unha trintena de veciños no local social desta parroquia ordense.

Este sábado, 14 de febreiro, ás 17:00 horas, a segunda charla terá lugar no local social de Santa Cruz de Montaos. “A nosa intención é trasladar actividades ás parroquias”, explica o concelleiro de Sanidade, Xesús Pedreira, “polo que ata o vindeiro mes de maio levaremos este programa a todas aas parroquias de Ordes e esperamos repetir o éxito de público acadado en Beán”.

Despois de Beán e Santa Cruz de Montaos, febreiro completarase coas charlas sobre nutrición en Pereira e Poulo. En marzal, as charlas chegarán ás parroquias de Parada, Mercurín, Buscás e Vilamaior. Barbeiros abrirá as conferencias de abril, seguido por Ardemil e Leira. As parroquias de Lesta e Ordes porán o punto e final a este ciclo de charlas no mes de maio. Todas as charlas terán lugar nos locais sociais das respectivas parroquias ás 17:00 horas.

 





cabeceira


Con este novo portal a agrupación pretende contar con un punto de información para os seus veciños, a demáis de servir de escaparate para difundir o noso traballo.