O goberno central aproba os proxectos propostos polo concello de ordes ao abeiro do fondo estatal de investimento local

Os proxectos presentados suporán a construción das pistas de atletismo e un local social na futura cidade deportiva de Vista Alegre, a reforma do tanatorio e o acondicionamento dos baixos da alameda

12 de febreiro de 2009.- A Secretaría de Estado de Cooperación Territorial, pertencente ao Ministerio de Administracións Públicas, vén de autorizar a financiación dos proxectos presentados polo Concello de Ordes ao abeiro do Fondo Estatal de Investimento Local, que suman un total de 2.187.197 euros. Catro proxectos entre os que figuran a reforma do tanatorio municipal, o acondicionamento interior dos baixos a alameda e a construción das pistas de atletismo e dun local social na futura cidade deportiva de Vista Alegre.


O proxecto máis importante, orzamentariamente falando, é a reforma do tanatorio municipal de O Balado. Un proxecto no que se investirán 835.000 euros e que inclúe duplicar as instalacións actuais con dúas novas salas de velatorio. Así mesmo, acometeranse traballos de mellora no conxunto da instalación, cunha nova reorganización interna do tanatorio que permitirá consolidar os traballos xa acometidos polo Concello de Ordes no último trimestre de 2008, e que incluiron a instalación dun sistema de calefacción nas salas, que se dotaron tamén de novo mobiliario e dun novo chan de tarima flotante.

Cidade deportiva


Así mesmo, o Fondo Estatal de Investimento Local contempla tamén un investimento de case 920.000 euros en dous importantes proxectos para dotar a Ordes dunha gran cidade deportiva. Así, o Concello de Ordes construirá un local social, con vestiarios e unha cafetería, que dará servizo aos usuarios de todas as instalacións deportivas que se instalen en Vista Alegre, empezando polo campo de fútbol de herba artificial inaugurado o pasado mes de xaneiro.

Así mesmo, acometerase a construción dunhas pistas de atletismo. Unhas novas instalacións deportivas coas que “o Concello de Ordes dá cumprida resposta a unha demanda realizada por numerosos veciños e veciñas afecionados ao atletismo”, explica o concelleiro de Obras, Roberto González, “e a un compromiso adquirido por este Grupo de Goberno de cara a conseguir que Ordes conte cunha gran cidade deportiva en Vista Alegre”.

Baixos da alameda


Finalmente, o Goberno Central tamén autorizou un investimento de máis de 433.000 euros para o acondicionamento interior dos baixos da alameda da vila de Ordes, que serán utilizados para dependencias municipais. Unhas instalacións que serán utilizadas para albergar unha biblioteca de máis de 250 metros cadrados, un museo de máis de 200 metros cadrados de superficie e un almacén municipal.

 





cabeceira


Con este novo portal a agrupación pretende contar con un punto de información para os seus veciños, a demáis de servir de escaparate para difundir o noso traballo.