Fernández Moreda e Regos Boquete inauguran o novo campo de fútbol de Vista Alegre

Inauguración Campo de FútbolConcello e Deputación invisten máis de dous millóns de euros na instalación do céspede artificial e iluminación, así como na primeira fase das obras do futuro local social

O alcalde solicita a colaboración da Deputación Provincial na futura cidade deportiva e na segunda fase da ampliación da alameda

28 de xaneiro de 2009.- O alcalde de Ordes, Manuel Regos, e o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, inauguraron esta tarde o campo de fútbol de herba artificial de Vista Alegre, situado na Vila de Ordes. “Unha instalación pola que tanto tempo levabamos agardando”, apuntou Regos Boquete, “e que estamos seguros de que será moi utilizada, en especial polos máis novos”.


Diante dos coordinadores do fútbol base ordense e de numerosos rapaces, Regos Boquete lembrou que “estamos traballando na promoción dos nosos xóvenes valores a través das escolas deportivas municipais porque sabemos que o futuro pasa pola formación dos nosos rapaces”. Unhas escolas de fútbol nas que este ano están inscritos uns 200 nenos e que poderán disfrutar dunhas instalacións modernas e con todas as comodidades na mesma Vila de Ordes.

Manuel Regos agradeceu especialmente a colaboración amosada pola Deputación da Coruña e, en concreto, por Salvador Fernández Moreda na construción deste novo campo de fútbol de herba artificial. “A Deputación contribuiu especialmente na posta en marcha deste campo de Vista Alegre, ben a través do programa de dotación de herba artificial, ben na instalación da iluminación do campo”, explicou o alcalde ordense. Unhas obras que, xunto coa primeira fase da construción dun local social, están orzamentadas en máis de dous millóns de euros, dos que a Deputación Provincial achegou 445.000 euros e o Concello de Ordes aporta a cantidade restante, 1.626.000 euros.

Así mesmo, o alcalde ordense agradeceulle a Fernández Moreda o apoio prestado na ampliación da alameda, proxecto no que a Deputación Provincial investíu 200.000 euros. “Este ano contamos con poder asinar novamente un convenio para realizar a segunda fase”, apuntou Regos. Durante o acto, a SD Ordes fíxolle entrega ao presidente provincial do escudo oficial do clube, momentos antes de que un dos rapaces das escolas deportivas fixera o saque inaugural do campo de fútbol de herba artificial de Vista Alegre.

Cidade deportiva

A inauguración do campo de fútbol de Vista Alegre é o primeiro paso levado a cabo polo Concello de Ordes para a promoción do deporte en todas as súas modalidades e niveis. Por iso, o Concello está a promover a creación dunha cidade deportiva en Vista Alegre, que contará con pistas polideportivas para a práctica de diversos deportes e unhas pistas de atletismo, especialidade que ten moitos seguidores no municipio. “Unha obra que necesita dun gran investimento, polo que resultará imprescindible a colaboración de todas as administracións públicas”, comentoulle Regos Boquete a Fernández Moreda.

O novo campo de herba artificial de Vista Alegre inaugurado hoxe ten unhas dimensións de 105 metros de longo por 65 metros de ancho, unhas medidas que permiten tamén dispoñer de dous campos para Fútbol-7. A instalación conta con todo o equipamento preciso para a práctica de Fútbol-11 e Fútbol-7, así como cun graderío lateral e iluminación para a súa utilización o maior número de horas posibles.

Para a súa construción, o Concello de Ordes tivo que comprar tres parcelas de 6.000 m2 para permitir que o campo puidese ter unhas medidas moito maiores ao proxectado polo anterior Executivo (que eran de 90 metros de longo por 55 metros de ancho). Agora, o Concello traballa na construción dun local social e duns novos vestiarios neste novo campo de herba artificial, xa que ata entón se utilizarán os do campo de Vista Alegre.





cabeceira


Con este novo portal a agrupación pretende contar con un punto de información para os seus veciños, a demáis de servir de escaparate para difundir o noso traballo.