O Concello de Ordes celebrará o Día do auga cunha exposición e a presentación dun libro

A Casa da Cultura de Ordes acollerá a mostra “Un mundo de auga”, organizada en colaboración coa Deputación da Coruña e o CEIDA

20 de marzo de 2009.- O Concello de Ordes vai celebrar o Día Mundial da Auga, que se conmemora este domingo 22 de marzo, cunha xornada denominad “A auga e nós: un equilibrio vital”, que terá lugar o vindeiro mércores 25 de marzo. Unha xornada que inclúe a inauguración da exposición “Un mundo de auga”, a presentación do libro “Que me dis de... a auga” e unha conferencia sobre “A auga e nós: un equilibrio vital”.


A mostra “Un mundo de auga” ofrécelle ao visitante, a través de vistosos paneis gráficos, información sobre a importancia da auga no comezo da vida e no desenvolvemento dos seres humanos. Así mesmo, fai fincapé nas características dos ecosistemas acuáticos (ríos, lagos ou gándaras) e en como a acción humana ten degradado o ciclo da auga, tanto en cantidade coma en calidade.

Unha exposición que está organizada polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), en colaboración coa Deputación da Coruña e o Concello de Ordes, e que poderá visitarse na Casa da Cultura de Ordes do mércores 25 de marzo ao venres 10 de abril, en horario de 9:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas. A mostra será inaugurada ás 12:00 horas do 25 de marzo polo concelleiro de Medio Ambiente, Xesús Pedreira; a concelleira de Educación, Silvia Marín; e o responsable da Área de Sustentabilidade do CEIDA, Xulio López Pérez.

Media hora máis tarde, ás 12:30 horas, terá lugar a presentación do libro “Que me dis de... a auga”, editado por Nova Galicia Edicións, e que fala da problemática do auga na nosa sociedade dun xeito sinxelo e comprensible polo lector. A presentación correrá a cargo de Carlos del Pulgar Sabín, editor de Nova Galicia Edicións. Esta xornada rematará coa conferencia “A auga e nós: un equilibrio vital”, a cargo de Verónica Campos García e Andrés Burgos Delgado, educadores ambientais do CEIDA.

 

 

Fonte: Concello de Ordes

 





cabeceira


Con este novo portal a agrupación pretende contar con un punto de información para os seus veciños, a demáis de servir de escaparate para difundir o noso traballo.